Laboratorio veciñal

Sábado 19 de agosto – 10:30 H.

Laboratorio veciñal en colaboración con Rente ao Couce e Marcos García

Coincidindo coa Feira do 19 en Becerreá, convocamos un encontro aberto á participación. Coñeceremos experiencias veciñais diversas e conversaremos arredor das potencias que posúe a autoxestión co obxectivo de encetar accións en rede entre distintas comunidades.

Que son os laboratorios veciñais?

Os laboratorios veciñais -tamén chamados cidadáns- son un novo tipo de institucións que recuperan formas de cooperación comunal habitando lugares de encontro, de experimentación e colaboración entre a veciñanza. Son encontros que nacen co obxectivo de desenvolver iniciativas para mellorar a vida dun lugar.

Este obradoiro explora a posibilidade dunha rede de laboratorios veciñais que promova simultaneamente a colaboración remota entre distintos lugares e ao mesmo tempo reforce a experimentación local no territorio. O obradoiro é, pois, unha invitación a imaxinar unha nova articulación entre os distintos niveis da vida terrestre dende a especificidade da aldea, da vila, do barrio, da biorrexión, do continental e do global.

Imparte o laboratorio Marcos García que organiza a Fundación Uxío Novoneyra en colaboración coa Asociación Rente ao Couce.

Marcos García é un referente nos ámbitos da cultura libre e da innovación onde reflexiona sobre os mecanismos de participación vencellados a procesos de autoxestión das comunidades. Dirixiu o Medialab-Prado, unha iniciativa municipal madrileña artellada como laboratorio cidadán de produción, investigación e difusión de proxectos culturais, que mantivo unha ampla influencia nos discursos da acción cultural dentro e fóra do Estado.

Asesorou diferentes organizacións para a creación de laboratorios cidadáns. Destacan as seguintes iniciativas que asentan o modelo dos laboratorios cidadáns desenvolvidos no Medialab Prado:os Laboratorios de Innovación Ciudadana da Secretaría General Iberoamericana (SEGIB), o programa Experimenta Ciudad da Agencia Española de Cooperación y Desarrollo, LAB Nuevo León (México), Tecnológico de Monterrey (México), Rural Experimenta del Ministerio de Cultura, Silo (Brasil) ou Laboratorios bibliotecarios Ministerio de Cultura de España.

Na actualidade asesora a diferentes organizacións na posta en marcha de laboratorios cidadáns e forma parte do consello asesor da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e do consello cultural da Organización de Estados Iberoamericanos (OEI).

Horario: 10:30 H – 14:00 H

Lugar: Casa da Cultura (Becerreá)

Todas as actividades son de balde previa inscrición no correo administración@uxionovoneyra.com