Poesía | A Faia de Ponto cos poetas Alba Cid e Estevo Creus en diálogo co músico improvisador Xosé Miguélez


Venres 25 de Agosto – 17:00H.

Souto do Rubial

A faia de Ponto é unha creación conxunta de poesía escénica de Alba Cid e Estevo Creus, dous nomes referenciais da poesía galega contemporánea, co músico improvisador Xose Miguélez. En consonancia coa árbore senlleira que lle dá nome, trátase dunha intervención que dialoga co espazo natural, neste caso, a Devesa da Rogueira. Atlas (Galaxia, 2019), o primeiro poemario de Alba Cid, foi galardoado co Premio Nacional de Poesía Nova Miguel Hernández. Poemas seus foron traducidos ao alemán, castelán, grego, inglés e portugués, e incluídos en Asymptote, Enfermaria 6, Kenyon Review, Oculta Lit, Poets.org ou Words Without Borders. Entre a nutrida obra de Estevo Creus inclúense libros fundamentais como Poemas da cidade oculta (Xerais, 1996), Areados (Dep. da Coruña, 1996), Teoría do lugar (Ed. do Castro, 1999), Decrúa (Espiral Maior, 2003), Balea2 (Positivas, 2011) ou o lugar que non hai (Chan da Pólvora, 2018), recoñecidos con galardóns coma o González Garcés, o Fiz Vergara Vilariño ou o Eusebio Lorenzo Baleirón en dúas ocasións. Creus, que interactúa con artistas de diferentes disciplinas, presentou en 2022 A palabra en Solpor, unha curta animada xunto a Mauro Trastoy. Formado na «Guildhall School of Music & Drama» de Londres e na «Esmae» de Porto, Xose Miguélez é multipremiado nos Premios Martín Códax na categoría de jazz. O seu proxecto máis recente, «Contradictio» (publicado en «Origin records», de Seattle) conta co pianista internacionalmente recoñecido Jean-Michel Pilc e con dous dos máis importantes músicos do jazz de Portugal: Marcos Cavaleiro (batería) e Carlos Barretto (contrabaixo).

A FAIA DE PONTO. Le Roi de La Galice No bosque artúrico de Brocelianda, en Paimpont (Bretaña), aínda hoxe podemos contemplar a faia de Ponto. Conta unha lenda que foi Ponto, le Roi de la Galice, quen plantou esa faia, outra asegura que a árbore é o propio Ponto, convertido nela tras a súa morte. Partindo do roman medieval francés de finais do XIV Ponthus et la belle Sidonie, Alba Cid e Estevo Creus en diálogo co músico improvisador Xosé Miguélez emprenden unha orixinal relectura poético-musical que, deconstruíndo e ramificando o relato mítico, fai tremer as visións tradicionais do heroe e trae ás areas do presente o fondo cultural do mundo artúrico, lembrándonos a vitalidade do Reino da Galiza como referente na Europa medieval. Coa máxima liberdade creadora, os poemas de A faia de Ponto. Le Roi de la Galice devolven a voz aos personaxes da orixinaria novela en verso, conseguindo que transiten unha cotiandade moderna sen renunciar ao seu sino histórico.