Exposición | Onde só queda alguén pra aguantar dos nomes de Federico García Cabezón

Exposición | Onde só queda alguén pra aguantar dos nomes de Federico García Cabezón | Ver máis

Venres 25 de agosto – 16:00H.

Exposición fotográfica de Federico G. Cabezón no Souto do Rubial

ONDE so queda alguén para aguantar dos nomes é unha serie de 30 fotografías sobre a vida dos últimos labregos do Courel. Federico G. Cabezón documentou nestas imaxes dos anos noventa os últimos poboadores que traballaron a terra na Serra do Courel. Última mirada sobre a extinción do mundo labrego que volve agora co debate sobre a despoboación e o renacemento do interese por outro mundo rural posible e diverso. 

Hai trinta anos, o antigo médico rural, fotógrafo, camiñante e gran coñecedor do Courel tirou estas imaxes que traen á memoria os restos dun mundo rural que foi pleno e que daquela cuestionou como foi que puidemos abandonalo.

A serie comparte título cun libro editado por Noitearenga, autoría de Uxío Novoneyra e Emilio Araúxo e Federico G. Cabezón, que recolleu o poema Onde so queda alguén pra aguantar dos nomes e outros textos dos autores que daquela pensaron xuntos o abandono e a despoboación de Galicia cando poucos daquela atenderon ao maior proceso de cambio que estaba a suceder no país.

FEDERICO GARCÍA-CABEZÓN realizou estudos de medicina e fotografía en Santiago de Compostela. Traballou como médico rural no Courel. Desde 1985 expuxo regularmente as súas fotografías: Kiosko Alfonso da Coruña, Círculo de Belas Artes de Madrid, Galería Quadrum de Lisboa, galerías Sargadelos de Santiago e Ferrol, Outono Fotográfico de Ourense, García Bacabú de Lugo, Escola de Imaxe e Son da Coruña, Saa dos Peiraos de Vigo e Sala Salvador de Madariaga da Coruña. É autor, xunto con T. Behrens, dos libros En blanco y negro, La película estática e Amores y pesadillas. Colaborador habitual en libros con poemas de Uxío Novoneyra e carteis e portadas de discos para grupos musicais como Elephant band, Lovely Luna e Deluxe. Entre os seus galardóns atopamos: o premio especial de fotografía Hoffman e o segundo premio no certame Luis Valtueña. Tamén foi seleccionado no premio Luis Ksado da Deputación da Coruña e para Fotógrafos, Fin de Milenio, España. No 2019 recolleu a súa obra seleccionada no libro Con el Corazón en el Ojo que foi financiada a través dunha campaña de microfinanciamento colectivo na plataforma Goteo.org lanzada pola FUN onde o pasado ano expuxo a serie “Queimados” dos soutos de castiñeiros que arderon fai trinta anos na Serra do Courel.